Antonio Sánchez Ferrol: Altza, 1936 - Gurs, 1939

2020, 22 de Febrero

Sergio Balchada Outeiral

Antonio nace en A Pobra do Caramiñal (A Coruña) no 1910. Aínda cativo os seus pais deciden marchar da Galiza e instalarse en Plentzia (Bizkaia) (Prieto, 2009). Alí casa coa Maruritarra María Bilbao.  Moi probablemente convértese en veciño de Altza nos primeiros anos da década dos anos 30 do século pasado. Naqueles anos nos que é abondosa a demanda de homes do mar galegos para completar as tripulacións dos bacaladeiros da PYSBE (Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España) da veciña vila de Pasaia. En Pasajes (coma se coñece na Galiza á vila guipuscoana) traballan e alternan cos seus paisanos nas tabernas; mais moitos deles gardan veciñanza nas poboacións ao seu rente coma Altza, Herrera ou mesmo Donostia. É o que o presidente de O Fato Castelao, Filipe Domínguez, distingue como Trintxerpe distrito e histórico (Cano, 2019).

Fotografia da ficha da marina auxiliar de Euzkadi de Antonio Sánchez Ferrol (http:www.marinavasca.eu)

Homes que deseguida van mostrar a súa face máis combativa nos ámbitos sociais e laborais, integrando os distintos sindicatos de clase existentes ou mesmo constituindo un deles, caso do Pasaitarra El Avance Marino vinculado á CNT. As reivindicacións laboraios e as folgas vanse a convertir en habituais na bisbarra durante os anos republicanos.

ficha-elaborada-polo-goberno-vasco-da-situacion-dos-marinos-vascos-exiliados-eah-ahe-ahgv-fondo-del-depto-de-defensa-secc-inf-general-secretaria-general-subsecc-ficheros
Ficha elaborada polo Goberno Vasco da situación dos mariños vascos exiliados (EAH-AHE AHGV Fondo del Depto de Defensa. Secc. Inf. General (Secretaría General) Subsecc. Ficheros)

No caso de Antonio sabemos da súa afiliación á UXT aínda que non o sindicato concreto onde milita. Sobre a súa participación nos primeiros compases da contenda civil non temos atopado pegada, mais é plausible a súa implicación nalgunha das columnas milicianas que operan no verán de 1936. Posteriormente, unha vez perdida a provincia de Gipuzkoa para a República, o seu nome aparece relacionado coa Marina Auxiliar de Euzkadi. Ésta nace o 24 de outubro de 1936 póñéndose a súa fronte o capitán de corveta Federico Monreal e Pilón, ao cabo tamén nomeado polo goberno republicano xefe das Fuerzas Navales del Cantábrico (Pardo San Gil, 2008).  Para a súa creación o goberno vasco deposita a súa confianza en Joaquín de Eguia. Dende 1933 exerce coma Subinspector de 2ª del Cuerpo de Servicios Marítimos y Subdelegado Marítimo de Bilbao.

Nómina da tripulación do bou Donostia do mes de xaneiro de 1937. EAH-AHE. AHGV. Fondo del Depto de Defensa Secc. Dirección General de Administración Leg 498 Nº 01

Nómina da tripulación do bou Donostia do mes de xaneiro de 1937
(EAH-AHE. AHGV. Fondo del Depto de Defensa Secc. Dirección General de Administración Leg 498 Nº 01)

É unha sorte de frota de guerra de circunstancias formada por barcos de pesca (De feito trátase dos bous da PYSBE) artillados para a ocasión e dotados dun mínimo de blindaxe, engadindo pranchas de aceiro a algúns dos elementos da cuberta e do casco nave. As modificacións dos bacaladerios, incautados xa dende setembro pola Junta de Defensa de Vizcaya, ten lugar nos estaleiros Euskalduna. Xunto aos pesqueiros van engrosar as ringleiras da Marina Auxiliar os destrutores da Armada Republicana Císcar e José Luis Díez, este último coñecido popularmente coma Pepe el del Puerto dadas as súas continuas avarías que o manteñen alonxado das accións bélicas. A Auxiliar ten asignadas tarefas básicas de protección dos pesqueiros que abastecen Bilbo de peixe, vixilancia costeira, escolta de mercantes e limpeza de minas. Até novembro as tripulacións destes barcos son as mesmas contratadas pola PYSBE, arredor de 164 homes, auxiliados por artilleiros navais. O 10 de novembro de 1936 ábrese o período de inscrición para o Voluntariado del Mar (Pardo San Gil, 2008). Poden inscribirse todos aqueles que poidan demostrar experiencia previa en traballos na pesca de altura ou de baixura e na mariña mercante cunha antigüidade de alomenos 6 meses. Son seleccionados 350 mariños dos 3000 que se presentan nas dependencias da Marina Auxiliar. Destes 350 un 11% son oriúndos de Galicia (Pardo San Gil, 2008).

bou-donostia-en-febreiro-de-1938-eahahe-secc-fondo-fotografico-1229-n1_30_b5h30-b5-leg-k01_30_b5

Bou Donostia en febreiro de 1938.
(EAHAHE Secc Fondo fotográfico 1229  N1_30_B5H30-B5 Leg. K01_30_B5)

Os bous van a ser rebautizados. Así o Hispania pasa a denominarse Araba; o Euzkal-Erria será o Bizkaya; O Mistral é agora o Gipuzkoa e o Vendaval renoméae coma Nabarra.  Antonio Sánchez Ferrol vai formar parte da tripulación do bou Donostia coma fogueiro habilitado. O bou Donostia serve na mariña vasca dende decembro de 1936. Provén das ringleiras rebeldes grazas á defección dalgúns dos seus tripulantes, os cuais foron quen de facerse có control do navío a madrugada do 6 de decembro reducindo ao oficial ao mando e a dous dos seus maquinistas Cándido Pérez e Manuel Martínez Pardo.

O 11 de agosto de 1936 resulta requisado polos sublevados o pesqueiro coruñés Guimerá. Artillado no arsenal de Ferrol, en setembro forma xa parte da frota de bous artillados que con base en Pasaia opera no Cantábrico xunto ao Denis, Alcázar de Toledo, Icíar e Galerna. É neste porto onde recibe a súa nova denominación: Virgen del Carmen. Ao mando do mesmo atópase o Tenente de Navío Javier Quiroga Pousada, conde de Villar de Fuentes natural de Vigo. A madrugada do 5 de decembro de 1936 un sector da tripulación amotínase e consegue facerse có control do barco. Para logralo reducen ao tenente Javier Quiroga, ao 3º maquinista con grao de alférez Cándido Pérez Expósito e ao 1º maquinista Manuel Martínez Pardo. Os amotinados, o cabo de mariñeiría Seoane Cortés (Sta. Uxía de Ribeira), o cabo de artillaría ferrolán Francisco López Rico e o mariñeiro José Santiago Pérez (Sta. Uxía de Ribeira). Xa có control do barco no seu poder diríxense ao porto de Bilbo onde fan entrega do nav´ñio ás autoridades vascas. O Virgen del Carmen rebautizasdo coma Donostia pasa a servir na Marina Auxiliar.

Os prisioneiros son xulgados polo Xulgado de Instrucción Nº 3 afecto ao Tribunal Popular de Bilbao. O sumario Nº: 19/936 da inicio o 10 de decembro con sorte dispar para os incausados. Mentres Manuel Martinez Pardo é absolto, Javier Quiroga e Cándido Pérez son condeados á morte (CDMH Ps Madrid C0172 Exp. 008 001). A pena faise efectiva o día 10 de xaneiro nas tapias do cemiterio de Derio (Euskadi Roja, 11/01/37).

Posiblemente a acción de maior perigo que vive Antonio Sánchez é a famosa batalla de Matxitxako (05/03/1937). O 4 de marzal, moi cedo, parte de Portugalete unha frotiña de bous artillados  (Gipuzkoa, Donostia, Bizkaya e Nabarra) apoiados polo destrutor José Luís Díez con orde de escoltar ao mercante Galdames atracado en chan francés. Ao que deben recoller nun punto da súa singladura acordado previamente (AHE Fondo Blasco Imaz. Entrevista realizada al 2º oficial del bou Nabarra Javier Olabeaga). Chegada a noite os bous van tomando contacto gradualmente có Galdames. Xa en rota cara Bilbo a climatoloxía comeza a tornarse adversa. Chove e levántase marusía, a visibilidade vese reducida. O convoi dispérsase. Teñen prohibido acender luz algunha e comunicarse por radio, só lles resta agardar que o cruceiro Canarias non os detecte. Éste patrulla as augas do golfo de Biscaia en espera de interceptar á motora Mar Cantábrico carregado de suministros e armas para a Fronte Norte.

Cando amence o Donostia e o Nabarra permañecen xunto ao Galdames e continúan singradura cara Bilbo. Pola súa banda o Gipuzkoa perdido do resto da expedición, entrada a mañán, decide regresar a porto. A 20 millas do abra do porto atópase có Canarias escoltando ao mercante Yorkbrook ao cal hai ben pouco acaba de capturar.  O resultado final remata có bou á fuxida envolto en lume producido por un certeiro impacto dos canóns do navío fascista. É grazas ás baterías de Punta Lucero e Punta Galea que o cruceiro deixa de perseguir ao Gipuzkoa.

Inevitablemente e a pesares de tentar burlar ao cruceiro, os bous Donostia e Nabarra vense envoltos en lide desigual fronte ao cabo Matxitxako. O combate exténdese máis dunha hora. O Nabarra resulta afundido e parte da súa tripulación é capturada polo inimigo. Antonio Sánchez e os seus compañeiros conseguen afastarse e alcanzar o porto francés de Arcachon ao día seguinte. Logo trasládanse a La Pallice para efectuar reparacións. Non obstante o bou xa non voltará a zarpar (https://www.marinavasca.eu/ ).

carabineiros-do-mar-en-barcelona-1938-antonio-sanchez-a-coruna-a-dereita-httpwwwmarinavascaeu

Carabineiros do mar en Barcelona (1938). Antonio Sanchez (A Coruña) á dereita.( http.www.marinavasca.eu)

Antonio Sánchez Ferrol decide proseguer a loita a carón da República. Para que iso suceda acode novamente a territorio baixo o control do goberno: Catalunya. Presumiblemente atópase entre os centos de mariños que a primeiros de 1938 comparecen na sede que o Goberno de Euzkadi ten na cidade condal (https://www.marinavasca.eu/) na busca do apoio deste para atopar algunha ocupación ou destino no Exército Popular. A solución preséntase coa creación do Cuerpo de Carabineros del Mar. O citado corpo crease en 1938 logo de que en abril as tropas rebeldes corten en dous o territorio republicano chegando ata o Mediterráneo. A perentoria necesidade de enlazar ambalas dúas zonas trae consigo o nacemento do corpo. Nel encádranse arredor de 200 mariñeiros que veñan de servir na Marina Auxiliar de Euzkadi. Entre eles o noso protagonista Antonio Sánchez Ferrol. Van ter a súa disposición unha variopinta frotiña de barcos, iates e lanchas para exercer a súa labor. A maiores van a ocuparse de tarefas de vixiancia tanto no mar coma nas instalacións portuarias.

Perdida a guerra Antonio Sánchez é un dos milleiros de exiliados que traspasan a raia con Francia. Alí é internado no campo  Saint Cyprien para logo pasar a Gurs, o campo vasco: Illote C, Barracón 14. Logo da súa estadía no campo de Gurs Antonio regresa á España rexida por Franco.

Xulgado en Ferrol por deserción recibe unha condea a morte. Por fortuna nunca tivo que enfrontarse ao piquete de execución. A pena de morte é conmutada debido a que carece de delitos de sangue.

O Carabineiro do Mar Antonio Sánchez Ferrol rematará o seus días en Donostia xunta a súa familia. Atrás queda toda unha vida de idealismo e loita. Mi padre no estuvo en el bando equivocado, aunque algunos intentaran hacerle creer eso, subliña a súa filla Coro Sánchez (Prieto, 2009).

Fontes.

  • Euskadiko Artxiboa Historikoa/Archivo Histórico de Euskadi (EAH/AHE).
  • Centro Documental de la Memoria Histórica de Salamanca (CDMH).

Xornais.

  • Euskadi Roja.

Bibliografía.

  • Cano María, Tributo a la Emigración Sonense al país vasco. El Correo gallego, 08/06/2019.
  • Chueca, Josu. Gurs. El Campo Vasco. Tafalla, 2007.
  • Moreno de Alborán y de Reyna, Fernando y Salvador. La Guerra Silenciosa y Silenciada. Historia de la Campaña Naval durante la Guerra de 1936-39. Volumen II, Madrid, 1998.
  • Mortera Pérez, Artemio. Los Bacaladeros de PYSBE en la Guerra Civil Española. Valladolid, 2002.
  • Pardo San Gil, Juan. La Marina de Guerra Auxiliar de Euzkadi (1936-39). Donostia, 2008.
  • Pardo San Gil, Juan. Crónica de la Guerra en el Cantábrico: Las Fuerzas Navales Republicanas (1936-1939). Donostia, 2004.
  • Pereira, Dionisio. El Trintxerpe Republicano: Génesis de la Denominada “Quinta Provincia Gallega”. Revista de Estudios Marítimos del País Vasco, nº5, pp. 737-743. Donostia, 2006.
  • Prieto, Rosa. La Marina Auxiliar de Euskadi. De Pescadores a soldados. La Opinión de A Coruña, 05/04/2009.

Internet

Etiquetas: ,

Dejar un comentario

Estibaus

Categorías

Abril 2024
L M X J V S D
« Mar    
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930  

RSS

Últimos comentarios

  • Adriana
    (2024, 29 de Marzo)
    «Me gustaría poder aprender mejor a confeccionar prendas y sacar patrones. Para poder hacerme mi propia ropa. Tengo el ...»
  • Roberto López
    (2024, 27 de Marzo)
    «Buenas, mi tío abuelo: Manuel López De los Santos, formo parte del Batallón internacional nº 26 Karl Liebknecht (PCE), falleciendo ...»
  • Pilar Egido eta Enrike Kortabitarte
    (2024, 27 de Marzo)
    «Merezitako omenaldia. Gaztaroan zorte handia izan genuen zu gure lehenengo irakaslea izatean. Irakasle berria, baina gogoa eta sasoia ez zenituen sekula falta. Zu ...»
  • Ramón F. Gorosabel
    (2024, 22 de Marzo)
    «Muy interesante la actividad Es edificante Gracias. »
  • Maira
    (2024, 2 de Marzo)
    «Hola necesito contactarme con las señoras Verónica. Recién leo esto. Soy la novia del nieto de olivo. Su papá Carlos. ...»

etiquetas


En la red